A ruta dos cinco sentidos.

O día 26 de septembro, entre as nove e as dez da mañá , buses chegados de Gijón, Avilés, A Coruña, Lugo, Burela, Xove, Ferreira..etc , xunto con coches particulares e xente a pé van arribando á Area Recreativa de Fazouro .

Os sendeiristas agrúpanse conducidos pola fermosa voz do noso “Presi” José Luis Suárez que salfire as instruccións con fermosas cantigas do seu extenso repertorio.

A marcha comeza atravesando a vetusta ponte de ferro, moi deteriorada, pero lucindo o seu parisino estilo Eiffel, pouco a pouco imos deixando atrás as fermosas casas de Fazouro cos ben coidados xardíns para adentrarnos no mundo misterioso do río Ouro que nos dá a benvida cun aroma a fentos a eucalipto e a menta; o musgo do muro da conducción de auga da traída de Foz, a auga que verque das fontes no camiño , as pingas que esvaran e caen ao chan, proporcionan unha sensación de calma e sosego, e a xente, que camiña en compañía, conversa, porque o sendeiro préstase para a charla, para as confidencias, sen alzar a voz, nun susurro que se confunde co do río, fálase da familia, dos achegados, da saúde, cóntanse outros percorridos feitos, outras paisaxes vividas e o camiño vaise andando; os eucaliptos dan paso á fraga de árbores autóctonas e a sensación de benestar, aumenta . Nun claro do río aparece a fervenza da vella central hidroeléctrica .A auga rebuldeira salta de chanzo en chanzo. Cómpre cruzar o río e para iso foron colocados dous postes de formigón a xeito de ponte. Un tras outro imos superando a proba do equilibrio sen incidentes. Os nenos, coa axilidade propria da idade e a ilusión de quen se estrea en algo. Os maiores coa experiencia e cautela de quen sabe que un pé mal posto pode traer un disgusto.

Foto de grupo por ti.

III Encontro de Sendeirismo Río Ouro e Praias de Foz por ti.

III Encontro de Sendeirismo Río Ouro e Praias de Foz por ti.

III Encontro de Sendeirismo Río Ouro e Praias de Foz por ti.

O regreso, con parada na ben restaurada obra da Escola Pía de Fazouro, lévanos polas casas de labranza, coa marisma do río á esquerda, como unha explicación visual do seu topónimo; Fazouro: fauces do río Ouro.

No punto de partida tomamos un refrixerio ofrecido pola organización do Encontro e encamiñámonos ao encontro do mar na Pampillosa.

A sensación cambia, está un día expléndido e notamos a brisa acariciándonos a pel , camiñamos sobre unha alfombra mol de caraveis mariños, tamén coñecidos como “a herba de namorar” . Sempre dá gusto percorrer un sendeiro angosto, feito polas pisadas repetidas, natural , que se perde na memoria colectiva dos nosos devanceiros,

Pasar por riba das xógaras da praia de Sarrido , escoitando o bater do mar, cheirando a mar, a marisco.

III Encontro de Sendeirismo Río Ouro e Praias de Foz por ti.

III Encontro de Sendeirismo Río Ouro e Praias de Foz por ti.

III Encontro de Sendeirismo Río Ouro e Praias de Foz por ti.

III Encontro de Sendeirismo Río Ouro e Praias de Foz por ti.

As conversacións vanse apagando e o grupo disgrégase, a xente quere gozar da vista do mar, das rochas, das furnas, do espazo aberto . Ser individuo camiñando a carón doutros individuos, cada un ao seu paso, de vagar, carretando o cansanzo, coa vista deslumbrada pola area brillante das praias : Peizas, Llas.., entrando de novo no asfalto, reintegrándonos ao mundo cotidiano.

A Rapadoira móstrase coqueta e urbana e un cheiriño a bonito fainos apretar o paso par chegar á Ribeira, onde o sentido do gusto vai tomar o relevo nesta viaxe sensorial. Os anfitrións traballan afanosamente para que non falte de nada e alí, entre bromas e chanzas, como nunha grande familia, o sendeirismo únese combinando as cores das camisetas, marrón con azul, verde con negro, branco con laranxa…formando unha amalgama da que sae un só grupo multicolor : o grupo dos que gostan de andar e aman a natureza.

A todos os participantes, aos colaboradores e patrocinadores , á directiva dos Sendeiros de Foz, gracias por un día precioso do comezo do outono.

Clara Ruíz