Crónica

RUTA DO VENTO E VILAPENA


Este ano para a visita dos nosos amigos do MIES de Oviedo, escollemos unha ruta por Trabada, a mestura de parte de dúas rutas moi bonitas, a de O Vento e a da Fraga de Vilapena.


Xuntámonos no Asador e desde alí dirixímonos ao lugar de partida da ruta de hoxe, a área recreativa de Chao do Couso.


O día na costa está nubrado, pero aquí loce o sol xa que estamos por encima das nubes, fai boa temperatura para camiñar, saímos costa arriba o grupo en dirección ao alto de Cerrochan, mágoa que aínda haxa algunha nube que non nos permita gozar das impresionantes vistas desde este alto, polo camiño vemos as obras de instalación dun parque eólico, agora toca comezar o descenso, que nos achegase a unha canteira abandonada, seguimos camiñando rodeados de piñeiros, carballos, castiñeiros, acivros, que fan moi agradable a marcha, sorteamos zonas cheas de auga e barro, pasamos varias fontes ata chegar ao refuxio, será aquí onde comamos algo e onde nos dividiremos en dous grupos, un grupo irá pola pista na que estamos sen descender, para que a ruta sexa máis curta e liviá, os outros descenderemos para meternos de cheo na Fraga de Vilapena, camiñaremos mais e terá algo máis de dificultade, pero merece a pena. Esta fraga é fermosa, coas súas árbores autóctonas, os seus brións e líquenes, as súas correntes de auga, fan un camiñar moi pracenteiro, unha vez chegamos ao rego de Vilaforman, toca ascender para chegar ao lugar de partida, a área recreativa do Chao do Couso, onde nos esperan os buses para levarnos a comer.


A comida de confraternidade farémola en Trabada, repoñeremos forzas, intercambiaremos impresións do día e do que sucedeu desde que nos vimos o ano pasado. Á hora do café unhas breves palabras de agradecemento e entrega dun recordo do día, unha figura de Otero Regal, quedando emprazados para final de ano por terras Asturianas para devolver a visita.


Magnifico día, grazas a todos e ata a próxima.

Morís.