>
Crónica
Rota Peña Pistola, Anleo
Este mes de novembro, desprazarémonos ata Asturias para a camiñada, será por terras naviegas, xa que comeza en Anleo.
O día está nubrado e a previsión é dun pouco de choiva. Partimos diante da fábrica de Remipicot e a primeira parte será en subida. No aparcamento fronte á factoría, atópase o cartel de inicio de roteiro, collemos á nosa dereita, ascendendo entre as casas, camiño da Costa, imos subindo aos poucos, unhas veces con máis pendente que outras. Neste ascenso xa imos tendo unhas vistas marabillosas, imos gozando das cores do outono, dó pisar das follas secas caídas. Estamos rodeados de vexetación, eucaliptos, piñeiros, carballos, castiñeiros. A pista pola que estamos a discorrer é ancha e de moi bo firme, moi cómoda de camiñar. Cando xa por fin collemos altura, vemos o val do río Anleo, o cal bordearemos, os eólicos por toda a crista, a zona rochosa de Panondres, onde se practica a escalada e intúese un pouco a silueta do noso obxectivo de hoxe, a Pena Pistola. Na ladeira de en fronte, podemos ver as cicatrices dunha canteira, e no fondo do val varias casas de labranza. Chegamos ao obxectivo, e cun pouco de imaxinación intuímos a forma dunha pistola ná pedra. Facémonos algunhas fotos no alto da pena, aproveitamos para comer e beber algo, así como de gozar da marabillosa panorámica, os vales interiores desta zona, as cimas altas da serra da Bobia, a costa desta zona, e ata podemos ver Burela, o seu cabo e os Farrallones de San Ciprian. Comezamos o descenso por un carreiro, pola parte superior vemos cabalos salvaxes pastando, chegamos á parte superior da canteira e temos que facer un forte descenso, ata chegar Braña del Río, aquí o camiño vólvese moi cómodo, moi pouca pendente, pista moi ancha e de saburra en moi bo estado. Non faremos o roteiro enteiro, poñeremos fin no Alto da Trapa, por que temos que ir a comer cedo, xa que pola tarde temos unha visita guiada ao Bosque Xardín da Fonte Baxa , de Luarca.
Comemos en Canero, onde sempre nos tratan tan ben e dannos tan ben para comer, ao terminar dirixímonos á entrada dese fermoso xardín botánico. Na entrada recíbenos Nike, que será o noso guía polo xardín. Gozamos da súa amena e agradable explicación, o que fai que esta visita de 2h parézanos que só durou 10 minutos. Só vimos unha parte da instalación, así que volveremos novamente a visitar o lugar guiados da man de Nike, é un magnifico guía que fai a visita moi, moi interesante e amena.
Xa chegou a noite, subímonos ao bus e de regreso a casa.
Grazas a todos por este marabilloso día e ata a próxima.
Un saúdo.
Morís.
